Acométese o primeiro estudo sobre distribución, abundancia, extensión e flora asociada dos fondos submareais de maërl do Parque Nacional das Illas Atlánticas. Realizáronse 158 prospeccións biolóxicas, en dúas épocas do ano, nos arquipélagos Cortegada, Sálvora, Ons e Cíes mediante mostraxe combinada de draga e mergullo, localizándose poboacións de maërl no 40% dos casos. Os fondos maërl localízanse exclusivamente na fachada oriental dos arquipélagos de Sálvora, Ons e Cíes, onde ocupan unha extensión de 16 km2, distribuídos en 47 bancos de maërl puros ou mixtos con cascallo, area e lodo. No aspecto florístico, preséntase un catálogo ficolóxico composto por 130 especies (1 Cyanophyta, 99 Rhodophyta, 20 Phaeophyta e 10 Chlorophyta) asociadas ás poboacións de maërl. Destacan polo seu interese corolóxico para Galicia: Antithamnion villosum, Ceramium callipterum, Cruoria cruoriaeformis, Gelidiocolax margaritoides, Gelidiella calcicola, Gelidium maggsiae, Dudresnaya verticillata, Erythroglossum laciniatum, E. lusitanicum, Hypnea musciformis, Porphyrostromium ciliare, Spyridia griffithsiana, Trailliella intricata [ stadium], Acinetospora crinita, Carpomitra costata, Sphacelaria plumula, Derbesia tenuissima e Ulothrix subflaccida.